GAL | ESP

Horario: 9:00 a 14:00 | Contacta

 

Apuntes históricos de Cortegada


Ara romana de Meréns

1.- Os tempos remotos

As orixes de Cortegada afunden as súas raíces na prehistoria, como demostran os achados máis antigos conservados no seu territorio. Entre eles destacan os petróglifos de Monte Picoñas, en Valongo, e os de Louredo, datados arredor do ano 2000 a.C., pertencentes á Idade de Bronce.
Estes gravados rupestres constitúen un testemuño elocuente da presenza humana e da súa capacidade simbólica e artística nunha época moi temperá.


Máis recentemente, durante as obras de infraestrutura realizadas na contorna do Puente de Valongo, foron descubertos restos arqueolóxicos de gran valor histórico, consistentes en fragmentos de cantería que pertencen á Idade de Pedra. Estes achados, que se remontan a miles de anos atrás, evidencian unha ocupación humana aínda máis antiga, probablemente vinculada a actividades de asentamento e explotación de recursos líticos, nun período no que o ser humano desenvolvía técnicas básicas de supervivencia, caza e recolección.


Xa en época romana, Cortegada tamén ofrece pegadas relevantes. Consérvanse elementos como as aras de Zaparín e Meréns, (esta última non visible soterrada na igrexa actual debaixo da nova pía bautismal), que testemuñan a romanización do territorio. Ademais, sospeítase da existencia dun ramal secundario da calzada romana Vía XVIII —que unía Braga con Astorga—, posiblemente conectado cos enclaves mineiros de Zaparín e Coto Novelle.


Este conxunto de vestixios confirma que as terras de Cortegada estiveron habitadas e aproveitadas polo ser humano ao longo de milenios. O Concello reafirma o seu compromiso coa protección, estudo e difusión deste valioso patrimonio, que nos axuda a comprender mellor as nosas orixes e a historia compartida deste territorio.

 

Pero quizá o máis importante que queda desta etapa romana é o propio nome da vila: Cortegada. Julián Aydillo Sanmartin, no seu Dicionario Etimológico, di que provén do latín “Corticata”, lugar de cortes, de currais. O que non parece probable. Más acertada paréceme a interpretación que fai o italiano Vittorio Bertoldi, nun traballo que se titula “A Iberia no substrato étnico lingüístico do Mediterráneo Occidental”, no que di que deriva o nome do latín Cortex-cis, árbore da familia do “quercus” (igual que o carballo, a aciñeira…), e así como Carballeda (do) sería lugar de carballos, ou Robledo (dal) de carballos, Cortegada sería lugar de árbores da familia “corticata pix” chamado despois sobreira (árabe: ao corq) e que en Galicia chamarase tamén “sobreira”. Esta raíz “cortex” dará lugar á palabra “cortiza”, que se difundirá por gran parte de Europa durante a idade media polo mercado de vasillas dando lugar ás palabras “cork” en Inglaterra, “kork” en Suecia e Alemaña, “kurk” en holandés…No castelán antigo “corche” ou “alcorque” significaba “calzado con sola de cortiza”. Así pois, poderiamos dicir (con todas as condicións que ten a etimoloxía) que é razoable deducir que Cortegada provén do adxectivo latino “corticata”, que significa “lugar de árbores provistos de cortiza”.