O Camiño Miñoto Ribeiro

 

Historia

O Camiño Miñoto Ribeiro é un dos camiños máis antigos que enlazaban o norte de Portugal coa cidade do Apóstolo Santiago. É por natureza, eixo que vertebra o territorio, que engloba entre outros carácteres, tres elementos diferenciais que lle confiren un carácter específico propio: Natureza, Termalismo e Viño. Tal e como expresa Luís Fernández Garrido no seu traballo: "O Camiño Portugués": "… hoxe o camiño de Santiago segue transcorrendo na maior parte do seu trazado a través daqueles mesmos carreiros, moitas vías e calzadas romanas ou medievais …" Este carácter relacional vénlle desde moi antigo, comunicando castros e poboacións prehistóricas, ademais da inxente abundancia de monumentos megalíticos e túmulos sepulcrais, que nos lembran a prematura habitación destes lugares. Este providencial desenvolvemento e vitalidade, verase posteriormente recompensado no tempo cunha vía específica que percorre excepcionalmente este itinerario, a: "Via Aquis Originis - Lucus". Deste xeito desde as terras da Bracara Augusta a través da Baixa Limia, a excepcional Serra do Xurés e seguindo o itinerario do Miño, adentrámonos no Ribeiro. Durante séculos, o viño desta terra ten sido transportado ás cidade de Santiago polos arrieiros, compartindo ruta cos peregrinos. Reflexo fiel desa realidade é a solicitude que Don Pedro Martín Cermeño García Paredes, capitán xeral do Reino de Galicia emite respecto dun memorial feito polo cóengo da catedral de Santiago, D. Jorge Cisneros, que despois de tomar os baños na vila de Cortegada, queixábase da situación dos camiños que conducían desta vila a cidade de Santiago, pontes e tránsitos, que estaban en mal estado"… pois con iso poderán transitar con menos incomodidade os peregrinos, pasaxeiros e xente de comercio". Mais todo isto era posible, grazas a proliferación ao longo do camiño, de institucións hospitalarias que velaban polo benestar dos peregrinos e o cultivo da vide. A orde do Amorne, a dos hospitalarios de San Xoán, reconstituída logo como a orde de Malta, deixaron unha forte pegada. Así temos constancia, de hospitais nos mosteiros de Sta. María de Fiães, San Salvador de Paderne, ou a Igrexa de Santiago de Barbeita (Monção), Ponte da Lima, hospital de Entrimo, Sta. María do Hospital do Condado, San Pedro da Torre (Padrenda), Priorado de Refoxos (Cortegada), San Mauro (Arnoia), ata 6 hospitais na vila de Ribadavia, Cabanelas e por suposto os encomendas de Beade e Pazos de Arenteiro. Tamén resulta curioso e característico que todos estes padroados, estratexicamente situados ao longo do camiño, parecen ligados por un denominador común: a proliferación de augas quentes. Desde as caldas de Lobios, pasando polas de Monção, Melgaço, Padrenda (A Granxa), Cortegada de Baños, Arnoia, Prexigueiro… Todas elas proporcionaban aos maltreitos peregrinos, un excelente alivio para a súa fatiga ou calquera outra doenza que habían de penar, ao longo da súa peregrinación.

 

BREVE TRAXECTORIA HISTÓRICA DO CAMIÑO

Indubidablemente estamos a falar da outra vía excepcional que unía o norte de Portugal con Galicia. Efectivamente trátase da Ruta do Interior, en contraposición ao roteiro da costa por Tui e Valença. 

 

O camiño ten 3 entradas desde Portugal a Galicia:

 

  • 1. O itinerario principal, dende Braga hacia Vilaverde, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Monçao e Melgaço atravesando o Concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Castrelo de Miño, Ribadavia, Beade, Leiro, O Carballiño, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela.

  • 2. Braga, Ponte da Barca cara a Baixa Limia, Lobios e Entrimo, Castro Leboreiro, onde xa se uniría co itinerario principal.

3. Terras de Bouro ata as proximidades da vila de Lobios, Entrimo e Castro Leboreiro (Portugal), onde se uniría o itinerario principal.

 

Máis concretamente Desde Castro Leboreiro, ata onde chegarían xentes de Braga, Ponte da Lima, Ponte da Barca, Lobios, Entrimo, Lamas de Mouro, A Peneda… e, a través do "Camiño da Porteliña", diríxese á vila de Alcobaça e á Azoreira polo "Porto dos Cabaleiros" ata chegar á Lapela e Monterredondo. Desde alí continúa dirección a – Lapiñeiras, Freáns, Carballal (A Porteliña), San Roque, San Amaro, camiño da Portela, Lordelo, Carreira e Condado. Aquí no Hospital de Santa María do Condado atoparíase cos que chegaban das terras de Melgaço por San Gregorio ata Pontebarxas, e cos de Fiães e Paderne por Pousafoles ata Lavandeira. Seguiría por Saa, Lousa, Trado (Pontedeva), atravesa o río Deva pola Ponte Trado. Entramos así nas terras de Cortegada de Baños –coñecida polos seus baños e augas quentes–, San Martiño de Valongo, A Barca, Louredo (Mosteiro de San Vicente), e Meréns a onde chegarían
aqueles que viñan das terras de Gomesende despois de descansar no priorado de Refoxos, e xa en dirección a Arnoia cara á Ponte Castrelo, onde se lles unirían as xentes das terras de Celanova ou Reza ata Ribadavia. Logo saíndo por San Cristovo de Eigón, continuaba cara Beade, a continuación dirixíase a Viete para continuar a San Clodio, e desde aquí ata Cabanelas e Pazos de Arenteiro. A continuación dirixíase ás terras de Boborás, Salón, Albarellos e de aí a Feás para continuar por Fenteiras, Sonelle, Santas, Hermida, Portela de Lamas, Soutelo, Vilapouca, Cachafeiro, Ponte Gomail, Forcarei, Chamosa, Salgueiras, Leboso, Quintillán, Capela de San Amaro, Meavía, Seoane, Pardemarín, Lamas, Rubín, Bemposta, Antiga, Moreira, Ribeira, Ponte Sarandón, Muiñeiros, Marrozos, Ponte Pedriña, San Cristovo de Merín e Santiago de Compostela.

 

Cástor Pérez Casal - 24/10/2017

 

Enlaces de interes:


Web do Camiño Miñoto Ribeiro
entrar


Facebook
entrar


asociacion.cmr@gmail.com