Portada  Coñeceme  /  RESEÑA HISTÓRICA

RESEÑA HISTÓRICA

Imaxe petroglifos

Segundo os restos arqueolóxicos existentes, a presenza humana no territorio do Ribeiro e concretamente no que hoxe coñecemos como Cortegada remóntase ao período paleolítico, así o testemuñan varios pezas líticas talladas encontradas no Chan de Paraña en San Martiño de Valongo e outras en Piñón en San
Martiño de Zaparín.

A forma de vida destes antigos poboadores corresponderíase cunha densidade de poboación reducida, que de forma itinerante e estacional aproveitarían os recursos animais, vexetais e minerais dun territorio. Estas sociedades de cazadores-recolledores estarían compostas por varias familias distribuídas en bandas de non máis de 50 individuos, cunha marcada diferenciación do traballo por sexos e constancia de ritos e actividades sociais.

O fin das glaciacións trae consigo a aparición dunha nova forma de vida na que as sociedades comezan a exercer un certo control sobre o medio natural. O proceso de Neolitización, consistente no paso dunha economía depredadora e recolledora a unha economía produtora, é un fenómeno histórico que en Galicia identificase co Megalitismo. No concello de Cortegada non se ten constancia de restos megalíticos, a intensa labor agrícola a que foi sometida esta zona pode ser unha das causas polas que non se conserven este tipo de achados.

O fin do Megalitismo mestúrase co inicio do descubrimento dos metais, na Idade do Bronce a procura de metais propicia as actividades mercantís entre diversos puntos da península.

En Louredo consérvase o Petróglifo da Ferradura onde se poden observar seis pequenas ferraduras colocadas por pares. Estas manifestacións artísticas son propias da cultura da idade do Bronce que se desenvolveu en Galicia durante o III e II milenio a. C. Ó final desta etapa constrúense os primeiros castros, asentamento que se xeneralizará durante a Idade do Ferro, época na que se desenvolve en Galicia a Cultura Castrexa (finais do Bronce s. VII a. C), esta supón a aparición dun tipo específico de asentamento: o castro e por ende, os primeiros asentamentos verdadeiramente estables. Todo o territorio galaico está balizado por este tipo de asentamentos, o núcleo de Louredo, no norte de Cortegada pode estar asentado nun Castro localizado no Monte "Chanduzal", máis tarde romanizado.

¿Qué factores inducen ás poboacións do noroeste peninsular ó asentamento en recintos castrexos? Tradicionalmente faise responsable de este novo panorama cultural ó influxo de poboacións indoeuropeas que a comezos do século IX a. C. fan a súa aparición na Península e que se identifican co mundo dos celtas. Estes grupos foráneos e minoritarios, faríanse co poder e fusionaríanse coa poboación autóctona. Ata a data o rexistro arqueolóxico non revela ningunha pegada da invasión celta.

Fronte á teoría invasionista, outros autores cren que a propia evolución das sociedades do Bronce Final (agricultura estable máis desenvolvida, aparición dun novo instrumental de ferro que obriga a un modo de traballo máis especializado e estable, influencias fenicias que establecen lazos comerciais, ambiente social xerarquizado e belixerante que necesita recintos fortificados...) o que desencadearía o xurdimento do mundo castrexo.

A cultura castrexa caracterízase dende o punto de vista arquitectónico por un tipo peculiar de asentamento: o castro. Situados habitualmente na zona limítrofe entre os terreos aptos para a labranza e o monte. O seu tamaño é moi variable, con planta circular e un perímetro defendido por murallas e valado, fosos, terrapléns... Ata a romanización, non existe planificación urbanística e no interior acumúlanse casas de planta redonda e elíptica. Os numerosos restos arqueolóxicos de vivendas castrexas contrasta cun rexistro case inexistente das súas necrópoles, formadas por urnas nas que se depositaban as cinzas dos defuntos. A cerámica e a metalurxia son de tipoloxía variada, e entre os metais preciosos, o ouro foi utilizado con notable abundancia.

A economía castrexa descansa sobre unha base fundamentalmente agrícola de tipo cerealeiro e gandeiro (porcino, bovino, caprino...) cunha forma de produción familiar. A recolección estacional de froitos xunto á pesca e o marisqueo completan a dieta. Hai que destaca-lo predominio de carballeiras fortemente humanizadas, das que se obtería madeira e un importante aporte nutricional, as“landras”. A minería é outro piar da súa economía, e dela derívase unha notable actividade comercial entre os distintos poboados, e tamén a larga distancia, principalmente co sur da península. Utilízase a chamada “Vía da Prata” que unía Tartesos co Duero e dende aquí a través do Bierzo e o Val do Sil ou retomando a ruta costeira, arribar a Galicia.

A sociedade castrexa caracterízase pola ausencia de estado, a cohesión social lógrase a través da coalición ou o enfrontamento entre poboados.

Os galaicos son un pobo moi involucrado na actividade bélica e isto implica unha sociedade xerarquizada, baseada probablemente no arroxo e valor persoal,“ethos” guerreiro. Os seus asentamentos fortificados ademais de apoiar esta idea teñen un significado de prestixio e poder intercastral. En canto á relixión, Estrabón relátanos que os galaicos realizaban sacrificios de animais e incluso prisioneiros, estes actos de culto relacionados con “Ares” e a existencia dos “Lares Viales”, coñecidos a través de fontes romanas, indícannos un tipo de relixión politeísta cunha certa correspondencia con outros panteóns do mundo indoeuropeo.

A romanización é un proceso de larga duración, a través do que os elementos indíxenas do mundo castrexo irán absorbendo progresivamente os elementos da cultura romana ata quedar integrados nela. Este proceso de aculturación ten lugar despois do sometemento pola forza dos pobos galaicos por parte do Imperio de Roma. A incorporación de Galicia ó Imperio Romano ocorre de forma tardía e incompleta. Gallaecia, é un topónimo romano que designa a provincia máis occidental de Hispania. O propio Augusto chega ata Gallaecia para por punto final ás operacións militares de conquista que rematan no ano 19 a. C. Os intereses básicos de Roma en Galicia foron a explotación das riquezas mineiras, o mantemento da “Pax Romana” dentro dos límites do Imperio e o abastecemento de soldadesca para as súas lexións. Para lograr estes tres obxectivos prodúcese unha organización territorial a través dunha densa rede viaria, que comunica as explotacións mineiras co resto do Imperio. Ó longo destas calzadas situábanse mansións para o abastecemento e asueto dos viaxeiros, e miliarios que indicaban a distancia entre ese punto da calzada e a capital do convento xurídico ó que pertencía. Outras construcións relacionadas coas vías romanas son as pontes, moitas das pontes medievais que hoxe se conservan solen ter unha orixe romana.

Por San Martiño de Zaparín pasaba unha calzada romana, o propio nome de Zaparín significa pala e escavación subterránea, dado que nestas terras existían minas para a extracción de estaño, aquí hai restos dun xacemento romano en Piñón, nesta parroquia consérvase unha ara votiva (algúns estudosos falan de miliario) coa inscrición: “aos dioses Ceceaigis Triba Marco Aeturo”, e outra en San Cibrán de Meréns que serve de soporte á pía bautismal. Según algún estudoso, en Louredo o asfalto deixou soterrada un tramo de calzada romana no Cadaval, queda outro tramo nun camiño en Refoxón, que unía Louredo con Remuíño (Arnoia). De época romana son tamén dúas pías nunha casa de Valongo e outros achados illados atopados no Chao de Paranas en Valongo.

A romanización de Gallaecia caracterízase basicamente polo sincretismo das dúas culturas, as populi, comunidades indíxenas mantéñense nunha sociedade galaico-romana que continúa habitando os castros, practicando o mesmo tipo de agricultura, na mesma paisaxe... mentres se implanta unha administración de base conventual, imponse progresivamente o latín, concédese o ius Latii e novos deuses amplían o panteón galaico... Segundo Tranoe, habería que falar“dunha converxencia entre o dinamismo local e as contribucións exteriores”.

A chegada dos pobos xermánicos no ano 409, pon fin ó mundo romano e á súa estrutura político administrativa.
Despois dun escuro período de predominio visigótico sobre Galicia e trala invasión musulmá, que a penas deixa ningún rexistro, iníciase unha etapa de repoboación do territorio, durante os séculos IX e X, na que se poñen as bases do que pode considerarse un réxime señorial e unha sociedade feudal.

Estas bases estarían asentadas sobre as villae galaico-romanas, sistema de explotación agrícola, practicado fundamentalmente en época baixorromana, que xunto cun maior desenvolvemento das cidades e a aparición do cristianismo, modifican substancialmente a paisaxe histórica de Galicia. As vilas, supoñen no século X non só unha explotación como na época romana, senón tamén un lugar de residencia nun tipo de poboamento concentrado, sinónimo de aldea, coas súas casas e alpendres, conxunto de terras e hortas. De feito a Idade Media da comarca vai estar caracterizada pola influencia que sobre todo este territorio exerceron e o Mosteiro de Melón, o Mosteiro de San Clodio e sobre todos eles o Mosteiro de San Salvador de Celanova Fundado por San Rosendo (907-977), posiblemente no ano 936. Chegou a adquirir unha extraordinaria importancia, con dominio señorial sobre numerosas aldeas, vilas, mosteiros, priorados e igrexas, o abade era arcediano de Celanova e capelán da Casa Real, podía nomear alcaldes, e gozaba de títulos nobiliarios como marqués da Torre de Sande e conde de Bande. Unha das principais preocupacións dos monxes foi a riqueza das pesqueiras sobre o río Miño asentadas neste territorio.

Na parroquia de Louredo tamén creou no ano 922 un convento San Rosendo, onde viviu algunhas tempadas segundo o Tombo de Celanova folios 191 e 192. O 17 de maio de 1228 o rei Alfonso IX, firmou un Real Privilexio do Castelo de Louredo a favor do Bispo de Ourense, do mencionado castelo non se conservan restos na actualidade, especúlase que cas pedras do castelo fixéronse as casas alí existentes.

En 1506 o Mosteiro de San Salvador de Celanova únese á Congregación de San Bieito o Real de Valladolid, o que produce unha revitalización do mosteiro. Os veciños de Refoxos a raíz dunha abusiva renovación de foros promoveron en 1673 un ataque nocturno coa intención de matar os monxes administradores. Despois da exclaustración do século XIX a igrexa converteuse na parroquia de San Breixo e o mosteiro dedicouse a diferentes usos administrativos, como cárcere e concello, cuartel, escolas e incluso vivenda particular.

Durante o antigo réxime, as parroquias que integran o actual Concello de Cortegada distribuíanse entre o couto redondo da parroquia de Meréns, administrado polo conde de Fefiñáns, e a xurisdición de Refoxos, que integraba
as parroquias de Rabiño, Refoxos e Valongo, baixo señorío do mosteiro de Celanova. Ámbalas dúas circunscricións estaban representadas pola provincia de Ourense. Coa proclamación da Constitución de 1812, suprimiuse o réxime xurisdicional e establecéronse os Concellos de Rabiño e Valongo integrados na provincia de Galicia. Sen embargo, en 1814, un decreto derrogatorio da Constitución asinado polo Rei Fernando VII, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial característica.

En 1820, o pronunciamento do Coronel Riego deu paso a un novo período constitucional no que volveron estar vixentes os concellos de Rabiño e Valongo. Nesta época en 1822, o concello pasou á nova provincia de Ourense.
Trala segunda derrogación da Constitución, en 1823 volveu de novo o Antigo Réxime.

A instauración definitiva do municipalismo produciuse tralo reinado do Rei Fernando VII. Deste xeito constituíuse o Concello de Cortegada en 1835. Daquela, abranguía as parroquias de Meréns, Rabiño, Refoxos e Valongo. En 1893 segregáronse de Rabiño as parroquias de Cortegada e Louredo, mentres que a parroquia de Zaparín separouse de Refoxos. Dende entón non houbo variacións no territorio.

Incluído no partido xudicial de Celanova ata 1965. Pasou de 1965 a 1988 ao de Ourense, e a partir desa data incorporouse ao de Ribadavia.

Entre a arquitectura relixiosa cabe salienta-lo santuario de San Bieito en Rabiño, preto do Santuario hai un humilladoiro tamén do século XVI, que pertenceu o mosteiro de San Salvador de Celanova no que destaca a fachada barroca da igrexa. San Breixo de Refoxos, antigo priorado de Celanova, pasou a ser no século XIX oratorio e igrexa parroquial. Os templos barrocos do século XVIII, San Martiño de Valongo (construído por mor do donativo de Frei Domingo Martín de Vergara), e San Martiño de Zaparín, reconstruído en 1799. San Xoán de Louredo e San Cibrao de Meréns do século XX.

No eido da arquitectura civil destacan: o pazo dos Cid en Cortegada e o dos Sarmiento en Meréns, pertencente ós Condes de Ximonde e vizconde do Sar, única parroquia do concello con Condado, onde podemos contempla-lo escudo heráldico máis grande de Galicia con dezaoito participacións en seis fileiras que lle dan unha dimensión vertical fóra de toda proporción heráldica. (Araujo, Feijoo, Ortigueira, Mosquera, Cisnero, Figueroa, Nóvoa e Sarmiento) rematados por unha coroa condal.

Na vila de Cortegada compre salientar as construcións financiadas polo indiano Guillermo Álvarez Pérez (1867-1929), como a Escola de Primeiras Letras ou Escolas Bos Aires, reformada para acolle-la casa do Concello, Biblioteca e o Xulgado. A Igrexa de Santa María de Cortegada de estilo neogótico.